O FORO RURAL SUSTENTABLE SENTA AS BASES DUN RURAL PRÓSPERO NA SÚA SEGUNDA EDICIÓN

Data

A II Edición do Foro Rural Sustentable reuniu o pasado venres 19 e sábado 20 en Chantada (Lugo) a iniciativas rurais, investigadores, empresarios, xornalistas e representantes da sociedade civil para promover a sustentabilidade do rural a través de propostas de prosperidade que buscan solucións realistas e sostibles en áreas como a conservación dos servizos ecosistémicos, a prosperidade da poboación, a calidade de vida e a preservación do patrimonio cultural. Foron dúas xornadas cuxo obxectivo foi reflexionar sobre o medio rural.

O Espazo Vilaseco, unha antiga granxa de gandería transformada nun espazo aberto á arte contemporánea no rural, acolleu a xornada deste sábado, onde os asistentes puideron escoitar as reflexións e aprender da visión do medio rural que achegaron expertos da talla do xornalista Manuel Campo Vidal, o experto en Economía Dixital JJ Delgado de Bigcrafters, a cesteira que revoluciona o mundo do deseño Idoia Costa ou Xesús Mazaira, que levou a Airas Moniz a ser un referente no mundo dos queixos, entre outros relatores.

Os invitados achegaron ideas e propostas desde o seu coñecemento do medio rural. O xornalista Campo Vidal incidiu en que “non podemos deixar abandonado o campo por varios motivos, entre eles e de maneira moi importante por un problema de saúde alimentaria, porque se deixamos de producir aquí, porque é máis barato producilo ou traelo de fóra, eso pode supoñer un gran problema de abastecemento e de saúde nas cidades e nos países”.

Xesús Mazaira, pola súa banda, aseguro que tratan de “demostrar que se pode vivir do campo e que se pode vivir dignamente”.

Pola súa banda, Antonio Roade, de Lagar do Vento, manifestou: “Buscamos facer viño a través dun ecosistema que non se basee no monocultivo, senón nunha viticultura baseada en conceptos de agricultura renegerativa”. De Tofu Landeira, José Antonio Landeira, lembrou durante a súa participación que “en Galicia sempre tivemos as mellores materias primas, pero logo os mellores produtos sempre parecen que se producen fóra”, mentres que Xosé Lois Llamazares puxo en valor que “os proxectos deben crear valor engadido e revertelo na súa contorna, e para iso fai falta actitude e aptitude”.

“Son necesarias as normas e o consumidor final debe entendelas, por eso a normativa debe ser clara e debe chegar de forma eficiente ao consumidor final”, afirmou David Sueiro, de Galo Celta.

O día anterior, venres, celebrouse na Casa Grande de Os Casares (Chantada) e consistiu nunha sesión de traballo na que tras diferentes achegas de cada un dos expertos invitados e os diferentes axentes do territorio xurdiu un documento de traballo coas preguntas que debemos facernos para afrontar a transformación necesaria do medio rural, co obxectivo de conseguir a prosperidade desexada para o medio rural.

Transformación efectiva

O Foro Rural Sustentable, que chegou á súa segunda edición, é un evento da Fundación Galicia Sustentable impulsado por grandes compañías ligadas ao sector primario e axentes da sociedade civil para favorecer o encontro de ideas e propostas que proveñen directamente de iniciativas que están a realizar unha contribución á sustentabilidade do rural.

O obxectivo último do Foro, unha iniciativa da Fundación Galicia Sustentable, impulsada por Corporación Hijos de Rivera e Gadis, é xerar alianzas, compartir coñecemento e promover melloras regulatorias que posibiliten a transformación do medio rural nun espazo próspero e sostible.

Trátase dun evento de carácter anual que reúne a expertos, profesionais, investigadores, empresarios e representantes da sociedade civil para discutir e promover a sustentabilidade do rural.

Nesta II Edición do seminario participaron algunhas das iniciativas máis importantes que están a transformar de maneira efectiva o rural galego, como Airas Moniz, Galo Celta, Daveiga, Lagar do Vento, Anades Galicia, Tofu Landeira, así como outras entidades como WWF, Fundación Juana de Vega, Fundación Ría, ou EFA Galicia, entre outras empresas galegas.

 

Fonte: El Ideal Gallego

MÁIS nOTICIAs